Tuesday 28 de May de 2024

Paderne porá en valor o talento literario local na homenaxe a Luísa Villalta, no Día das Letras Galegas


 O Concello anunciará ao gañador ou gañadora do I Certame de Relatos e repartirá o libro resultante das narracións presentadas

 O acto, celebrado na Praza Campo da Escola de Insua, terá unha lembranza á autora coruñesa, música e un monólogo de Cándido Pazo

Paderne porá en valor o talento literario local no contexto do Día das Letras Galegas deste 2024. A Praza Campo da Escola de Insua acollerá o venres 17 de maio un acto no que, a partires das 12:00 horas, mesturará a revelación do gañador do I ‘Certame de Relatos do Concello de Paderne’ coa homenaxe á escritora coruñesa Luísa Villalta, á que vai dedicado este ano a celebración autonómica.

Ás 12:00 horas arrincará o evento, coa música do grupo da UNED co Concello e un saúda do alcalde, Sergio Platas, que dará paso á reseña a Luísa Villalta. Posteriormente presentarase o libro ‘I Certame de Relatos do Concello de Paderne’, coas palabras de Ángel Arcay e Antonio Río, membros do xurado.
Os exemplares deste libro serán repartidos entre os asistentes. Unha vez saia á luz este exemplar, revelarase a identidade do gañador ou gañadora do concurso que levará un premio en metálico e un lote de produtos.

Tras unha nova actuación musical, será a quenda do monólogo de Cándido Pazo González, como último evento antes da interpretación do himno galego e a hora dos pinchos.